sábado, 28 de marzo de 2026

A RÚA DOS VERSOS

O 23 de marzo, ademais de celebrarse o Día da Poesía, tamén é o Día da Árbore 🌳Como actividade de continuidade, pois xa o fixemos en anos anteriores, aproveitamos os poemas creados polos diferentes cursos para colgalos nas árbores que están situadas diante do noso centro. Os encargados/as de colgar os poemas foron as nenas e nenos de 2.º e 5.º de Educación Primaria.

Rimas, haikus, caligramas e poemas quebra-ósos móvense co vento, convertendo a rúa Fotógrafo Xosé Vidal de Carballo nunha rúa de versos, onde a creatividade e o respecto pola natureza foron da man. Cada poema atopou a súa póla, creando un espazo máxico no que ler, observar e sentir, ao que convidamos a toda a veciñanza que queira ler uns poemas estes días 💚

LIBRO POÉTICO

Co gallo da celebración do Día da Poesía o 23 de marzo, o noso alumnado mergullouse no mar das palabras para crear, xogar e sentir coa lingua. Ao longo destes días, experimentaron con diferentes formas poéticas: 

📌Educación Infantil traballou rimas cheas de ritmo.

📌1.º ciclo de Educación Primaria fixo uns caligramas moi creativos.

📌2.º ciclo de Educación Primaria fixo haikus.

📌3.º ciclo de Educación Primaria preparou divertidos poemas quebra-ósos.

O resultado deste fermoso traballo colectivo recóllese neste libro poético, no que cada páxina é unha mostra da imaxinación, a sensibilidade e a creatividade dos nosos nenos e nenas. Agardamos que gocedes da súa lectura tanto como nós gozamos do proceso de creación.

venres, 27 de marzo de 2026

ESTAMOS DE PARABÉNS

Lembrades o proxecto que se desenvolveu o curso pasado entre a nosa aula de 5.° de Educación Infantil e a aula de 4.° de Educación Primaria do CEIP Canosa-Rus?

Algo que comezou cun intercambio de cartas en lingua galega, rematou sendo algo grande titulado "Non sempre se pace onde se nace", un proxecto conxunto formado por "A nosa casa da vila" e "A nosa casa da aldea". Logo de presentalo ao XI Concurso de traballo por proxectos coordinados ou co apoio da biblioteca escolar, resultamos gañadores na categoría intercentros 🎊🎉

O fío condutor foi a historia de Maruxa e Coralia, dúas mulleres inmigrantes que chegaron de América a Galicia en busca de novas oportunidades. Se queredes saber máis, podedes ver as actividades levadas a cabo aquí.

Podedes ver a resolución desta convocatoria nesta ligazón.

Tamén saímos en webs da Xunta de Galicia e en diferentes xornais.





OBRADOIRO DE POESÍA

Este luns 23 de marzo, conmemorouse o Día da Poesía polo que, o mércores, tivemos a sorte de gozar dun obradoiro que forma parte da actividade "Poetizando Carballo" ofertado pola Concellaría de Normalización Lingüística e Bibliotecas do Concello de Carballo.

As nenas e nenos de 2.º de Educación Primaria gozaron desta actividade da man de Antía Otero.


Aquí estamos nas redes sociais do Concello de Carballo.

mércores, 4 de marzo de 2026

RECREOS EN GALEGO CON BRAZOLINDA

Hoxe as nenas e nenos de 6.° de Educación Primaria tiveron a sorte de participar nunha sesión de xogos de mesa en galego, unha iniciativa do programa "Recreos en galego" ofertado por Política Lingüística. Levouse a cabo da man de Brazolinda, un proxecto de deseño e fabricación de xogos en galego 🧩

Despois de gozar dunha sesión xenial para aprender o funcionamento dos xogos, estes nenos e nenas serán os expertos que ensinen aos de 5.° a xogar nos recreos, aproveitando que estamos a levar a cabo Patios dinámicos e inclusivos. Progresivamente, irán aprendendo máis nenos e nenas de tal xeito que, a través do xogo, fomentarase o uso da lingua galega 💙

Se queredes coñecer un pouquiño máis sobre este proxecto, facede clic aquí: https://brazolinda.com/gl/

 















martes, 3 de marzo de 2026

ACTIVIDADES DO DÍA DE ROSALÍA

Este febreiro, o traballo sobre Rosalía de Castro estivo moi presente nas nosas aulas pois foi, é e seguirá sendo un símbolo fundamental da cultura galega.

Traballamos sobre a súa vida e obra, coñecemos quen foi Rosalía de Castro, por que é tan relevante para Galicia e como, a través dos seus textos, defendeu a nosa lingua e deu voz aos sentimentos e ás inquedanzas do pobo galego.

A continuación podedes ver algunhas das actividades que se desenvolveron.

💙Na aula de 5.º de Educación Infantil crearon obras plásticas a partir da cara de Rosalía de Castro.



💙Na aula de 6.º de Educación Infantil fixeron unha interpretación do poema cantado "Eu ben vin estar o moucho" que tanto lles gusta aos nenos e nenas. Ademais, traballaron sobre a flor preferida de Rosalía, os pensamentos, creándoos con pasta de modelar para formar imáns.



💙Na aula de 2.º de Educación Primaria fixeron un xardín de palabras de Rosalía. Primeiro leron os seus poemas e despois elixiron unha palabra significativa de cada un para escribila nunha flor.


Para ver máis da actividade, facede clic aquí para acceder ao seu blog: https://osartistasdosanluis.blogspot.com/2026/02/o-xardin-de-rosalia.html

💙Na aula de 3.º de Educación Primaria participaron nunha actividade proposta polo Concello de Carballo que consistía nunha visita ao Parque de Rosalía en Carballo. Durante o roteiro gozaron de pequenas explicacións orais e levaron a cabo dinámicas participativas, como descubrir datos da vida e obra da autora ou dar uns pequenos pasos de baile.





RECEITAS DE ENTROIDO

No noso cole, o Entroido enchiu de fariña as mans e os sorrisos de azucre. Dende as aulas de Educación Infantil e Primaria, as nenas e nenos convertéronse en pequenos/as cociñeiros/as e reposteiros/as para traballar sobre receitas típicas desta época do ano.

Aquí vos deixamos un pequeno libro que elaboramos 🎭


Velaquí algúns peques traballando sobre as receitas 💙








ENTREGAMOS AS CHAPAS

No Día dos Namorados, celebramos o amor pola lingua baixo o lema "con agarimo, en galego". Para simbolizalo, preparamos unhas chapas en galego para toda a comunidade educativa: alumnado, profesorado, persoal non docente, persoas da limpeza e familias.

Foi un pequeno xesto para lembrar que a lingua é unha parte fundamental da nosa identidade e da nosa cultura, porque amar tamén é coidar, respectar e valorar aquilo que nos identifica 💙



A nosa lingua é tradición, historia e futuro

PREMIO AO NOSO PROXECTO

Como sabedes, fomos galardoados no XI Concurso de traballo por proxectos coordinados ou co apoio da biblioteca escolar , na categoría de pro...