mércores, 26 de febreiro de 2025

ESTREA DA DOCU-SERIE "UNHA VIAXE POLA VIDA DE ROSALÍA"

 Queredes ver como foi a estrea da docu-serie "Unha viaxe pola vida de Rosalía"?

🌺Organizamos a biblioteca para simular unha sala de cine.

🌺Preparamos flocos de millo para todos e todas.

🌺Organizamos dúas sesións: unha para o alumnado e o persoal do centro e outra para as familias.

Moitísimas grazas a todas as familias que vos achegastes á estrea da nosa docu-serie 💗 Para os que non puidestes vir, lembrade que podedes vela dende a casa facendo clic aquí.


Por outra banda, o equipo de biblioteca preparou unha escolma de libros sobre a autora e mercou un prato coa imaxe de Rosalía, unha figura moi importante que quixemos que tivese o seu lugar neste espazo polos valores que nos trasmite no referido á literatura oral, á lingua galega e como muller 💜 Este prato é obras dunha das olarías de Buño, oficio tradicional propio da nosa comarca que tamén estará presente no noso Entroido.



DOCU-SERIE "UNHA VIAXE POLA VIDA DE ROSALÍA"

Este luns 24 de febreiro conmemoramos no cole o Día de Rosalía 🌺 e estreamos a docu-serie "Unha viaxe pola vida de Rosalía" que elaboramos entre todos os nenos e nenas do colexio.

Velaquí vola deixamos para que poidades gozar dela dende a casa 😊 agardamos que vos guste!

sábado, 22 de febreiro de 2025

SAÍMOS NO XORNAL

Hoxe, o xornal La Voz de Galicia, publicou unha nova sobre a recollida de palabras en galego propias da zona de Bergantiños que realizamos en colaboración co Concello de Carballo e o CEIP Gándara-Sofán 💛

venres, 21 de febreiro de 2025

LUNS COMEZA O ENTROIDO

Xa está a piques de comezar o Entroido, así que a nosa meca xa está preparada para dirixir os mandadiños deste ano. É unha meca especial, pois está disfrazada de madamita.

Luns queremos vervos a todos con algo na cabeza👒👑. Ordes da madamita!🎭



ASÍ FALAMOS EN CARBALLO

Ao logo do primeiro trimestre, estivemos a facer unha pequena recollida de palabras en galego propias de Carballo. É unha proposta en colaboración co Concello de Carballo, no que tamén participaron os nosos compañeiros e compañeiras do CEIP Gándara-Sofán.

Distribuíndo as palabras en forma de landra, prepararon para cada un/unha de nós unha fermosa mochila 💛 Hoxe, Día Internacional da Lingua Materna, recibímolas no noso colexio👜

Moitísimas grazas ao Concello de Carballo por ofrecernos a posibilidade de participar nesta actividade tan fermosa 😍


xoves, 20 de febreiro de 2025

ESTREA DA DOCU-SERIE "UNHA VIAXE POLA VIDA DE ROSALÍA"

Como sabedes, o domingo 23 de febreiro, celébrase o Día de Rosalía🌺polo que levamos días de rodaxe, gravando algo moi especial que queremos compartir con todos/as vós!!

Marcade esta data no voso calendario, luns 24 de febreiro do 2025, pois estreamos a DOCU-SERIE "Unha viaxe pola vida de Rosalía". Haberá dous pases:

📽Ás 12.15h para o alumnado e persoal do centro.

📽Ás 13.15h para as familias.




Agardámosvos!! 💗 Os vosos nenos e nenas estarán encantados de que veñades ver o que prepararon con tanto esforzo e ilusión 🌟

MANDADIÑOS PARA A PRÓXIMA SEMANA

Este Entroido 2025 temos unha meca moi especial, pois é unha madamita, un disfrace propio de Cerqueda, unha das parroquias do concello de Malpica de Bergantiños, de onde son algunhas das cantareiras homenaxeadas nestas Letras Galegas.

Dito isto, toca facer caso do que a madamita nos vai propoñer para a próxima semana do 24 ao 28 de febreiro 🎭 A gozar do Entroido!!





mércores, 19 de febreiro de 2025

ENTROIDOS DE GALICIA

Atención familias! Aínda non tedes plan para este Entroido? Dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega preparamos uns carteis informativos sobre figuras tradicionais do Entroido galego, baseándonos no libro Entruidos e mascaradas na Galiza, editado pola Associaçom Semente Compostela no ano 2024.

Olládeos e animádevos a visitar algúns dos lugares de Galicia onde son típicos 😍

Tamén poderedes gozar destes carteis na entrada do centro, onde preparamos unha exposición física pensando en vós!👹👽🎉🎭

martes, 18 de febreiro de 2025

MURAL DO PROXECTO "A NOSA CASA DA VILA"

Na aula de 5.º de Educación Infantil están a elaborar un mural informativo sobre os diferentes lugares que estudan. Polo momento, completaron a parte referida á tenda de Marina. Nel rexistraron algúns dos produtos que se poden mercar nela.


luns, 17 de febreiro de 2025

DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

Boas amiguiños e amiguiñas do blog Moita lingua!! Como sabedes, o 23 de febreiro celébrase o Día de Rosalía, polo que aquí vos deixamos unha pequena presentación que resume algúns datos relevantes da súa vida e obra🌸

venres, 14 de febreiro de 2025

QUERE E NAMORA EN GALEGO

Hoxe celebramos o Día do Amor en todas as súas versións, para o que repartimos uns adhesivos a cada neno/a e persoal do centro baixo o lema "Quere e namora en galego" 💖

martes, 11 de febreiro de 2025

RUTA LITERARIA - 5.º E 6.º EP

Hoxe o alumnado de 5.º e 6.º de Educación Primaria participou na actividade "Ruta literaria" ofertada polo Concello de Carballo. Correu a cargo de Hadrián García, quen guiou o percorrido polos seguintes lugares:

  • Rúa da Saúde, onde se atopa unha imaxe do poeta e zapateiro que dá nome ao noso colexio.
  • Praza de Galicia con visita á ferretería Pedrouzo, onde contaron un chiste de Carlos Díaz O Xestal.
  • Rúa Coruña, onde está a estatua de Alfredo Brañas.
  • Mercado de Carballo.
  • Chocolates Mariño.

Para rematar, visitaron a exposición "Mulleres guerrilleiras: investigadoras de Carballo" situada na rúa Coruña 🔍🦴🌿🌱

Deixámosvos un vídeo rescatado do blog A nosa fiestra, onde se recollen unhas fermosas imaxes desta actividade 😊


Grazas ao Concello de Carballo e a Hadrián por esta iniciativa 👏👏

mércores, 5 de febreiro de 2025

CARTA DIRECCIÓN RUS

Hoxe, as nenas e nenos de 5.º de Educación Infantil saíron pola contorna do colexio para enviar a carta ás nenas e nenos do colexio de Rus:

💌Seguiron un mapa que lles indicaba a onde chegar.

💌Fixeron a primeira parada no Estanco A Milagrosa para selar a carta.

💌 Buscaron un buzón amarelo onde depositar a carta.

💌Á volta atoparon unha furgoneta da panadaría Roiser e mercaron unha barra de pan para ir merendando polo camiño. Aproveitaron para falar de que o pan é un produto típico de Carballo.

💌Localizaron un dos comercios que Landra lles deixou en fotos, a tenda de Marina. Aproveitaron para mercar froita para facer unhas brochetas saudables.


Velaquí o mapa co percorrido:

Durante o percorrido, tamén pararon en "Guarnicioneria Arturo Arán" pois viron no seu escaparate unha boina, da que oíron falar por primeira vez esta semana posto que aparecía nun conto.

luns, 3 de febreiro de 2025

PREPARAMOS A CARTA PARA AS NENAS E NENOS DO COLEXIO DE RUS

Na aula de 5.º de Educación Infantil aceptaron o reto que lles propuxo Landra sobre escribirlles unha carta ás nenas e nenos de Rus. Moito tempo de dedicación, moitas aprendizaxes e, sobre todo, moita ilusión durante todo o proceso 🌟

Con este proxecto, están comezando a coñecer Carballo, a nosa vila, así como traballan en lingua galega á hora de escribir o que lles querían contar.









Agora, só queda buscar un día solleiro para deixala no buzón! 🌞

MOKO (9 - 10 anos)