mércores, 4 de marzo de 2026

RECREOS EN GALEGO CON BRAZOLINDA

Hoxe as nenas e nenos de 6.° de Educación Primaria tiveron a sorte de participar nunha sesión de xogos de mesa en galego, unha iniciativa do programa "Recreos en galego" ofertado por Política Lingüística. Levouse a cabo da man de Brazolinda, un proxecto de deseño e fabricación de xogos en galego 🧩

Despois de gozar dunha sesión xenial para aprender o funcionamento dos xogos, estes nenos e nenas serán os expertos que ensinen aos de 5.° a xogar nos recreos, aproveitando que estamos a levar a cabo Patios dinámicos e inclusivos. Progresivamente, irán aprendendo máis nenos e nenas de tal xeito que, a través do xogo, fomentarase o uso da lingua galega 💙

Se queredes coñecer un pouquiño máis sobre este proxecto, facede clic aquí: https://brazolinda.com/gl/

 














martes, 3 de marzo de 2026

ACTIVIDADES DO DÍA DE ROSALÍA

Este febreiro, o traballo sobre Rosalía de Castro estivo moi presente nas nosas aulas pois foi, é e seguirá sendo un símbolo fundamental da cultura galega.

Traballamos sobre a súa vida e obra, coñecemos quen foi Rosalía de Castro, por que é tan relevante para Galicia e como, a través dos seus textos, defendeu a nosa lingua e deu voz aos sentimentos e ás inquedanzas do pobo galego.

A continuación podedes ver algunhas das actividades que se desenvolveron.

💙Na aula de 5.º de Educación Infantil crearon obras plásticas a partir da cara de Rosalía de Castro.



💙Na aula de 6.º de Educación Infantil fixeron unha interpretación do poema cantado "Eu ben vin estar o moucho" que tanto lles gusta aos nenos e nenas. Ademais, traballaron sobre a flor preferida de Rosalía, os pensamentos, creándoos con pasta de modelar para formar imáns.



💙Na aula de 2.º de Educación Primaria fixeron un xardín de palabras de Rosalía. Primeiro leron os seus poemas e despois elixiron unha palabra significativa de cada un para escribila nunha flor.


Para ver máis da actividade, facede clic aquí para acceder ao seu blog: https://osartistasdosanluis.blogspot.com/2026/02/o-xardin-de-rosalia.html

💙Na aula de 3.º de Educación Primaria participaron nunha actividade proposta polo Concello de Carballo que consistía nunha visita ao Parque de Rosalía en Carballo. Durante o roteiro gozaron de pequenas explicacións orais e levaron a cabo dinámicas participativas, como descubrir datos da vida e obra da autora ou dar uns pequenos pasos de baile.





RECEITAS DE ENTROIDO

No noso cole, o Entroido enchiu de fariña as mans e os sorrisos de azucre. Dende as aulas de Educación Infantil e Primaria, as nenas e nenos convertéronse en pequenos/as cociñeiros/as e reposteiros/as para traballar sobre receitas típicas desta época do ano.

Aquí vos deixamos un pequeno libro que elaboramos 🎭


Velaquí algúns peques traballando sobre as receitas 💙








ENTREGAMOS AS CHAPAS

No Día dos Namorados, celebramos o amor pola lingua baixo o lema "con agarimo, en galego". Para simbolizalo, preparamos unhas chapas en galego para toda a comunidade educativa: alumnado, profesorado, persoal non docente, persoas da limpeza e familias.

Foi un pequeno xesto para lembrar que a lingua é unha parte fundamental da nosa identidade e da nosa cultura, porque amar tamén é coidar, respectar e valorar aquilo que nos identifica 💙



A nosa lingua é tradición, historia e futuro

domingo, 22 de febreiro de 2026

CANCIÓN A ROSALÍA

Hoxe, 23 de febreiro, rendemos homenaxe a Rosalía de Castro, unha das figuras máis importantes da nosa literatura e da nosa identidade como pobo. Co motivo da súa conmemoración, creamos estas cancións cheas de ilusión, respecto e agarimo.

A través da música lembramos a súa voz valente, os seus versos cheos de sentimento e o amor profundo que sentía por Galicia porque Rosalía non é só pasado, segue viva nas nosas palabras, na nosa lingua e no corazón de cada xeración 💙

Como sabedes, cada curso tiña unhas palabras para crear unha estrofa.


A partir delas e empregando a app Suno de intelixencia artificial, creamos as cancións. Agardamos que vos gusten tanto como a nós nos gustou crealas 🎵🎶





Estade atentos e atentas á megafonía do colexio, pois será a banda sonora das nosas entradas ao longo desta semana ♫♩

venres, 20 de febreiro de 2026

CON AGARIMO, EN GALEGO

O 14 de febreiro foi o Día de San Valentín e celebramos que o amor está en todas as partes: no agarimo, na amizade, na familia, na natureza e en cada pequeno xesto que nos conecta co mundo 💖

Baixo o lema "con agarimo, en galego" entregamos a cada membro da comunidade educativa unha chapa cunha frase ou refrán en lingua galega pois, como ben dicía Castelao, "se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma".



xoves, 19 de febreiro de 2026

EXPOSICIÓN DE ENTROIDO

Ao longo da semana pasada, as nenas e nenos estiveron traballando arreo sobre o Entroido polo que, a exposición temática da entrada do colexio, foise ampliando coas súas aportacións.

Que puidemos ver nela?

🎭Mandadiños do meco ao longo da semana do 9 ao 13 de febreiro.

🎭Carteis informativos sobre o Entroido galego e que foron elaborados no noso centro o curso pasado.

🎭Traballos das nenas e nenos sobre o Entroido galego.

🎭Photocall en forma de antiface para crear recordos inesquecibles.

🎭Cartel coa definición da palabra Entroido segundo a Real Academia Galega.

🎭Xogo con miniaturas de disfraces galegos para relacionalas coas tarxetas que contiñan o seu nome. Este é un material creado pola Deputación de Ourense en colaboración con La Voz de Galicia.









RECREOS EN GALEGO CON BRAZOLINDA

Hoxe as nenas e nenos de 6.° de Educación Primaria tiveron a sorte de participar nunha sesión de xogos de mesa en galego , unha iniciativa d...