mércores, 28 de maio de 2025

MACROCONVIVENCIA "AO SON DA PANDEIRETA. VAI POR ELAS!"

O pasado luns 19 de maio, acudimos a Mens para celebrar as Letras Galegas xunto coas nenas e nenos do CRA Nosa Señora do Faro, Aspronaga e Lenda Educativa. 

Por que en Mens? Porque as pandeireteiras homenaxeadas naceron nesta parroquia de Malpica de Bergantiños.

Participamos en diferentes actividades:

💙Obradoiro de elaboración de pandeiretas - Espazo Pandeireteiras de Mens

💙Xogos inclusivos a cargo da Asociación Un paso máis - Espazo Eva Castiñeira

💙Merendola conxunta - Espazo Rosa e Adolfina Casás Rama

💙Foliada

💙Visita ao cemiterio e ofrenda floral onde están enterradas Prudencia e Adela

Queredes ver que ben o pasamos este día?

Grazas a todas as persoas que o fixestes posible, foi unha experiencia marabillosa 💙

xoves, 22 de maio de 2025

COMPARTIMOS NOVOS MATERIAIS CO CEIP CANOSA-RUS

Seguimos co proxecto "A nosa casa da vila" e, desta volta, compartimos co alumnado de 4.º de Educación Primaria do CEIP Canosa-Rus novos materiais:

➜Un tractor 🚜, uns porquiños 🐖e unhas galiñas 🐔 para que usen mañá na romaría que farán no seu centro como produto final deste proxecto.

➜Unha carta con enlaces a diferentes vídeos 📽

➜Un memory con fotos antigas e actuais de Carballo.

➜Fotos sobre momentos vividos na aldea e que recollemos no Ecomuseo Forno do Forte de Buño cando acudimos de excursión cos nosos amiguiños e amiguiñas de Educación Infantil.




sábado, 17 de maio de 2025

FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS

💙FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS 💙

As de Malpica son pescas,

as de Buño son oleiras,

as de Carballo modistas

e as da Brea panadeiras.


Bergantiños ten a sona,

Bergantiños a sona ten;

Bergantiños ten a sona

de cantar e bailar ben.


Velaquí vos amosamos a exposición que creamos na entrada do noso colexio:

  • Cubo interactivo con imaxes das pandeireteiras e códigos QR que pemiten acceder a música tradicional.
  • Caracterización dunha imaxe dunha muller con pano e toca, creando a súa falda con pequenos volantes informativos.
  • Exposición dos carteis e guía didáctica elaborada polo CEIP Plurilingüe Celso Emilio Ferreiro de Cerceda e que resultaron gañadores do Concurso-Exposición Letras Galegas 2025.
  • Cartel sobre a macroconvivencia que realizaremos o próximo luns en Mens e imaxes dos espazos que empregaremos.





luns, 12 de maio de 2025

PROXIMAMENTE PARA CONMEMORAR AS LETRAS GALEGAS

 


MONTAMOS O NOSO POSTO NA FEIRA

Dentro do proxecto "A nosa casa da vila", na aula de 5.º de Educación Infantil estivo e está a coñecer diferentes lugares da nosa localidade, Carballo.

Este xoves, visitaron a feira, onde aproveitaron para montar un posto de artesanía que eles mesmos/as elaboraron. Traballaron vocabulario en galego, interactuaron con persoas descoñecidas á hora de ofrecerlles produtos, contaron, sumaron, empregaron a calculadora, iniciáronse no manexo do diñeiro e incluso prepararon as súas propias ofertas!

mércores, 7 de maio de 2025

PREPARÁMONOS PARA A FEIRA

Dentro do proxecto "A nosa casa da vila", seguimos estudando sobre Carballo. Desta volta, imos vivir nós mesmos como é vender na feira que se celebra cada xoves na Praza do Concello.


Preparamos chapas con frases e refráns en galego, bolsas con palabras referidas á nosa contorna, imáns para a neveira en forma de landra e folla de carballo... e máis cousas!! 😊

Queredes saber como elaboramos todos estes produtos que imos vender? Ollade este vídeo 👀

martes, 6 de maio de 2025

XOGO "ATÓPAME SE PODES!"

Dentro do proxecto "A nosa casa da vila", elaborouse o xogo "Atópame se podes" co que podedes coñecer diferentes tendas de Carballo e aprender/repasar vocabulario en lingua galega.

Nel empregamos pictogramas, unha ferramenta moi útil para aquelas persoas que precisan de apoio visual, sendo unha forma rápida e accesible de transmitir mensaxes sen necesidade de palabras.

Cada chaveiro agocha pictogramas cos produtos que ofrece a tenda. O teu reto? Atopar todos os pictogramas no menor tempo posible ⏰⌛

Ollade este vídeo para coñecer como se xoga 💡 

luns, 5 de maio de 2025

MATERIAIS SOBRE AS CANTAREIRAS E A POESÍA POPULAR ORAL

Como cada ano, para traballar sobre a figura homenaxeada no Día das Letras Galegas, contamos con numerosos materiais, entre eles os publicados na web O Portal da Lingua Galega. Unha mostra son os carteis e guía didáctica que se elaboran cada ano e que, neste 2025, se fixeron no CEIP Plurilingüe Celso Emilio Ferreiro de Cerceda 💙 Dende o noso centro, queremos enviarlles os parabéns!! 👏👏

CARTEIS 🎵

GUÍA DE ACTIVIDADES 📌

MARCAPÁXINAS📖

LETRAS GALEGAS 2025

LETRAS GALEGAS 2025

AS CANTAREIRAS E A POESÍA POPULAR ORAL


Chega o mes de maio, e con el o MES DAS LETRAS GALEGAS. Este 17, dedicaráselle ás cantareiras e á poesía popular oral.

Facendo clic nesta imaxe, accederedes a un Symbaloo con numerosos recursos para traballar nas aulas.

LAVAMOS A CARA CON AUGA DE SAN XOÁN

Seguindo a tradición de San Xoán, o venres lavamos as nosas cariñas coa auga onde repousaron toda a noite as flores e herbas desta época 🌱...